Ao redor de 15.000 persoas pasarán por Culturgal Feira das Industrias Culturais, que se celebra os días 4, 5 e 6 de decembro en Pontevedra, no Pazo da Cultura. 81 entidades expositoras e máis de 120 actividades para un programa destinado ao público xeral que cada ano serve de escaparate para saber que está acontecendo no sector cultural de Galicia. Entre todas as actividades hai, por suposto, moita música. Concertos en formato showcase (media hora) que percorren estilos e artistas variados.
Desde hai dous anos a Feira habilita unha carpa anexa ao recinto feiral (para evitar interferencias) de case 400 metros cadrados, climatizada e coas melllores condicións técnicas para que artistas e bandas presenten os seus novos traballos. Así, este ano arranca o Culturgal musical no Espazo Carpa con blues o primeiro día da Feira, o venres 4. O músico coruñes Javier Pradoás estará ás 18:45 presentando “O cadelo lunático”, primeiro disco do seu proxecto en solitario. Unha incursión no blues en galego, con temas propios e con poemas clásicos de Celso Emilio Ferreiro ou de autoras contemporáneas como a escritora galega Cristina Corral Soilán.
Na xornada inaugural da Feira tamén o músico vigués Samuel Levi (19:30) ocupará a Carpa cunha proposta moi especial: o seu concerto a cegas. Samuel Levi y los Niños Perdidos propón ao público mergullarse no seu directo cunhas máscaras, agudizando a experiencia auditiva para contrarrestar a idea de que hoxe en día a imaxe é o que máis importa nun músico.
Tradicional, folque, pop e electrónica daránse cita no Espazo Carpa do Culturgal o sábado 5 de decembro, día grande da Feira coa presentación dos novos traballos de Orquestra Os Modernos, Cristian Silva, Sanjurjo&Dopico e Celtyc Music System. O mesmo día no que o músico Caxade amosou a edición discográfica do directo especial que levou a cabo coa Banda de Música de Bandeirana na edición Culturgal 2014. Un concerto único que foi rexistrado e agora sae en edición DVD/CD.
Máis música na xornada do domingo con propostas variadas que van desde o coro centenario da Coruña Cántigas da Terra até o dixie jazz de New Orleans Trio ou a estrea de Tatán Cuña, fundador de Tanxarina Títeres, na canción de autor co seu proxecto “Chapeu”. A música na Carpa do Culturgal remata o domingo 6 cunha formación de Vigo que representa o dinamismo e calidade do jazz da contorna. O crooner Javier Marcos presenta na Feira o seu disco “Ten” rodeado de Felipe Villar, Rosolino Marinello, Max Gómez e José Manuel Díaz. Eles asinarán o último concerto do Culturgal 2015 o domingo 6 ás 19:30.
A Escola do Rock de Paredes de Coura
A música tamén procura novos formatos na Feira e así en 2015 a Feira acolle a presentación dun proxecto moi interesante chegado do veciño Portugal e da cercana vila de Paredes de Coura. A Escola do Rock é unha iniciativa da cámara municipal de Paredes, coa dirección artística de Nuno Alves, que permite a un conxunto de rapazas e rapaces a partir de catorce anos desenvolver competencias creativas no rock. A piques de desenvolverse a segunda edición, no mes de decembro, os seus impulsores queren presentala en Galicia a a través de Culturgal.