Culturgal:

O Culturgal “máis expansivo” abriu esta mañá as súas portas en Pontevedra
inauguracion11 web

30/11/12

Categoría:

Feira

Tags:

O Culturgal “máis expansivo” abriu as súas portas esta mañá no Pazo de Cultura de Pontevedara cun acto inaugural no que participaron Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura en funcións; e Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal. A Feira ofrecerá ata o domingo día 2 preto de 200 actividades, de todas as disciplinas e para todos os públicos, a pesares do recorte orzamentario que sufriu este ano.

Xulio Amigo, presidente da asociación que organiza o evento, salientou o “enorme esforzo colectivo” que supuxo construír o fogar da cultura galega que é Culturgal neste tempo de crise. Esta quinta edición da Feira das Industrias Culturais comezou sendo a máis "humilde" e remata sendo a máis “expansiva” da historia do proxecto, asegurou Amigo, “grazas á implicación do sector”. “Hai menos dun mes anunciabamos un programa con 140 actividades”, recordou, “e faciámolo con orgullo, porque era un éxito medrar en tempo de crise. Pero hoxe temos que falar xa de preto de 200 actividades”. “As empresas, as asociacións, os colectivos de creadores ocuparon a casa e fixérono a conciencia”, explicou o presidente da Asociación Culturgal, “argallando unha marexada de actividades que encherá non só os seus stands, senón tamén os corredores, a saliña, a cociña e, en fin, ata o último recuncho desta casa.”

Amigo tamén recordou que “nunha época complicada”, 71 entidades expositoras se desprazaron ata a Feira e máis de 1.000 profesionais se acreditaron para asistir ao Culturgal. “Moitos deles”, engadiu, “veñen de fóra de Galicia: España, Arxentina, Portugal e doutros países da Lusofonía. Culturgal é xa un punto de encontro de referencia para o sector, un espazo único no que descubrir sinerxias e tecer proxectos conxuntos con outras disciplinas, con outros territorios”.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, incidiu en que “como conselleiro en funcións é un orgullo ver que as industrias culturais e creativas galegas teñen asumido nestes últimos anos o camiño da competitividade e, en numerosos casos tamén, un sistema de intelixencia empresarial de éxito que detecta, e benefíciase, das oportunidades exteriores”. E destacou que unha das claves deste encontro é “cambiar vellos modelos por novas formas de traballar, máis interconectadas e globais, nunha sociedade tan acelerada e volátil como a que nos toca vivir, é algo ao que vós mellor que ninguén estades acostumados”. “Desde aquí só quero subliñar o compromiso da Administración pública galega por esta aposta”, rematou.

Finalmente, o alcalde de Pontevedra recordou que Culturgal é a casa da cultura galega, “o lugar no que reside toda a esencia creativa do noso país”. “Desde Pontevedra”, asegurou, “ofrecemos toda a luz e toda a forza para proxectar sobre Galiza os froitos maduros e frescos da nosa cultura”. Fernández Lores recordou que o cultural é un sector que “ademáis de servir á potencia simbólica do país, é tamén un gran xenerador de enerxías laborais, o que se traduce en riqueza para unha grandísima cantidade de profesionais vencellados á edición, a produción e ás novas dimensións dun sector en incesante cambio”.

No acto inaugural estiveron tamén presentes representantes das asociacións que forman parte de Cultugal: Manuel Bragado, presidente de AGE; Juan Rodríguez, secretario de Escena Galega; Dolores Ben Pena, presidenta de AGAPI; e Víctor López, presidente de EGANET; os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García respectivamente; e representantes de varias institucións e entidades colaboradoras.