Culturgal:

O público refrenda un ano máis o Culturgal, enchendo a feira toda a fin de semana
web

02/12/12

Categoría:

Feira

Tags:

A quinta edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia pecha esta noite as súas portas, despois de tres días de intensa actividade, co refrendo do público e a vontade de seguir “medrando e sorprendendo á xente coa calidade e a biodiversidade cultural galega”. Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal, que organiza o evento, salientaba esta tarde o dobre refrendo do público á Feira: “primeiro, asistindo, e despois, implicándose economicamente nun tempo tan complicado e mercando os produtos que ofrecen as empresas expositoras”.

Manuel Bragado, presidente da AGE, salientou o aumento de actividades e público, “a pesar do recorte orzamentario” e recordou que “nun contexto no que o sector arrastra unha caída do 30% dende comezo de ano, que na Feira non só se manteñan as vendas senón que medren é un gran éxito”. “Culturgal está consolidado como evento de referencia para o sector e como a gran cita da primeira fin de semana en Pontevedra para o público”, afirmou, “e agora só queda seguir medrando e seguir sorprendendo”.

En palabras de Ignacio Vilar, para o sector audiovisual Culturgal é “a constatación de que a cultura neste país é un negocio rendible e con futuro”. “Ver tanta xente dános ánimos para seguir neste oficio”, conclúe Vilar. Juan Rodríguez, secretario de Escena Galega, salienta tamén a importancia que supón para o sector das artes escénicas “esta oportunidade de achegarse ao público e compartir con eles as nosas preocupacións”.

Dende Eganet consideran esta quinta edición da Feira como “un avance máis para Culturgal e para o recoñecemento das TIC como ferramentas fundamentais para a mellora social e empresarial” e saliéntase “a ampliación da presenza das TIC e a da implicación dos profesionais do sector”. E para o presidente de AGAPHONO, Cándido Meixide, “Culturgal é a feira de referencia para a posta en valor das creacións do sector musical, que está agora en pleno proceso de transformación e precisa máis que nunca da transversalidade”.

Á hora de valorar esta quinta edición de Culturgal, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou a importancia do encontro e asegurou que o asentamento da Feira "favorecerá tanto á industria como ao público participante e, de seguro tamén, ao pobo galego en xeral”. Neste sentido, Xesús Vázquez subliñou "o compromiso da Administración pública galega por esta aposta” e o "orgullo" de "ver que as industrias culturais e creativas galegas teñen asumido nestes últimos anos o camiño da competitividade e, en numerosos casos tamén, un sistema de intelixencia empresarial de éxito que detecta, e benefíciase, das oportunidades exteriores".

Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra, afirmou que “nestes tres días intensos de Culturgal está recollida unha gran parte da realidade cultural do país”. Neste sentido, asegura que a cidade de Pontevedra se sinte “orgullosa” de poder recoller o evento e ten vontade de serguir avanzando xuntos no futuro.

Punto de encontro de referencia

Unha das claves do éxito do Culturgal 2012 foi a programación profesional. O Foro Culturgal consolídase como o punto de encontro de referencia para o sector.  “A dimensión profesional desta edición”, explica Juan Rodríguez, secretario de Escena Galega, “foi especialmente interesante para as artes escénicas. Non hai tantos lugares nos que compartir momentos, inquedanzas e problemas e buscar estratexias conxuntas para superalos”. “Falando estes días démonos conta de que as problemáticas que sufrimos agora son similares ás que sufriron as primeiras compañías que se profesionalizaron en Galicia”, asegura, “isto é un ciclo e xuntos temos forza para superalo”.

Manuel Bragado, presidente de AGE, salientou o éxito da xornada desenvolvida coa comunidade educativa e Natalia Balseiro, coordinadora da mesa de traballo Compartindo Multiplicamos, organizada pola Agpxc (Asociación galega de profesionais da Xestión cultural) e Culturgal, explicou que os temas centrais do intenso debate mantido foron a mediación cultural, o traballo coas comunidades e o contexto, os proxectos colaborativos, a fiscalidade da cultura, a colaboración público privada.

Participaron na mesa de traballo, entre outras organizacións, Novagaliciabanco, alg-a, baleiro, plétora, DANESGA, DAG, Culturaactiva, Sinsal audio, escoitar.org, Red Bull,  BNG, Anova, Compromiso por Galicia, COOP57, Fiare e Triodos Bank, que aceptaron o reto de compartir un día de traballo co sector cultural e puideron comprender de un modo máis profundo as lóxicas do sector. Un espazo de pensamento colectivo intersectorial e transdisciplinar que ten vontade de repetirse.