Culturgal:

Presentación

fotoexito01-web

Culturgal é unha gran casa construída entre os distintos gremios da cultura: libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías. Un fogar coas portas e ventás abertas sempre cara á sociedade. Un evento único, de periodicidade anual, que chega á súa quinta edición consolidado como a gran cita das industrias creativas en Galicia.

A Feira das Industrias Culturais de Galicia é moito máis que un encontro profesional. Culturgal é unha romaría á que acoden cada ano miles de persoas para coñecer de primeira man as novidades editoriais, o último en música, o glamour do audiovisual, a maxia das artes escénicas, os avances das novas tecnoloxías e mesmo as propostas máis marxinais en tres días de actividade sen tregua. Tres días de intenso traballo conxunto que convirten tamén a Feira nun lugar de encontro privilexiado para os axentes do sector, un espazo para a reflexión e a aprendizaxe, no que intercambiar experiencias e imaxinar novos proxectos baseados na colaboración e no apoio mutuo.

Culturgal está organizado por unha entidade da que forman parte as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Pontevedra, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e conta coa colaboración de máis de 30 entidades e empresas. No eido das industrias culturais, Culturgal é sen dúbida o proxecto coa rede máis ampla de colaboradores institucionais, asociativos e empresariais.

Culturgal é a casa da cultura en Galicia. A vosa casa. Entrade ata a cociña.

+ Culturgal: Mail | Facebook | Twitter | Flickr | Vimeo