Presentación
O Cultur.gal é unha oportunidade única para todas aquelas persoas que queiran coñecer a oferta cultural do país en todos os ámbitos
O Cultur.gal é a
Feira Galega das Industrias Culturais, a feira de todas aquelas empresas e entidades que crean, distribúen, promocionan e ofrecen produtos e servizos relacionados coa cultura en Galiza e que llelos queren achegar á cidadanía.
Con ela preténdese darlle visibilidade á oferta cultural do país, nas súas diferentes versións, soportes e sectores, nun espazo onde as industrias culturais galegas poden presentar, amosar, promocionar, difundir e vender os seus produtos e servizos.
Polo tanto, o Cultur.gal é unha gran plataforma que pretende ser unha referencia imprescindible e obrigada, a xeito de cita anual, para o libro, o audiovisual, a música, as artes escénicas, os servizos socioculturais e as novas tecnoloxías da cultura e do lecer en Galiza.
Neste 2008, a Feira Galega das Industrias Culturais terá lugar durante catro días,
do xoves 4 ao domingo 7 de decembro, no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco). Está organizada pola
Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e conta coa colaboración de diversas entidades dos diferentes sectores.
Despois dunha primeira edición que tivo lugar en Pontevedra en maio de 2007, promovida pola
AGE, esta segunda edición pretende consolidar a feira, aumentar a participación de todos os ámbitos culturais do país, incrementar a presenza de público profesional e xeral e, polo tanto, darlles unha maior proxección, visibilidade e difusión ás industrias culturais galegas.
O Cultur.gal é, polo tanto, o escaparate ideal para as empresas culturais que queiran achegarlles os seus produtos e servizos a todos/as os/as profesionais e á cidadanía en xeral, unha oportunidade única para todas aquelas persoas que queiran coñecer a oferta cultural do país en todos os ámbitos e o mellor espazo de encontro e interrelación para todos/as os/as profesionais relacionados coa cultura en Galiza.