En 2017 Culturgal Feria das Industrias Culturais celebrarase do día 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra chegando a súa décima edición. Antes do verán a Feira presentará a súa imaxe, lema e principais novidades para esta edición tan especial.
O equipo da Feira considera que Culturgal xa é unha comunidade. “Está consolidado e establecido no calendario, nun espazo e nunha cidade que é Pontevedra. É un evento de utilidade social no que está testada a alianza entre industria, institucións e públicos e na que se mostran formatos e fórmulas colaborativas entre diferentes axentes”, sinala Manuel Bragado, presidente de Culturgal.
A Feira xa supera a etapa de lanzamento e consolidación. Con nove edicións ás costas “xa podemos dicir que hai nenas e nenos que creceron con Culturgal”, apunta Bragado. E seguindo co paralelismo das idades, o presidente de Culturgal reseña que a Feira xa é “adulta” e que debe afrontar novos retos. “Estamos convencidos da necesidade de abrir e proxectar Culturgal fóra, interactuar con outros ámbitos e debuxar novos horizontes. Desde Pontevedra, a cidade na que esta Feira medrou e consolidouse. Sentímonos e percibímonos como unha comunidade, unha comunidade que se construíu ao redor de Culturgal e coa décima edición na cabeza debemos asumir novos retos”, remata Bragado.