Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Manuel Bragado e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrancara de maneira exitosa en 2007. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Concello de Pontevedra, e coa colaboración de diversas entidades e empresas.
Culturgal representa tamén o traballo no sector cultural. Máis de 11.200 persoas estaban afiliadas á seguridade social no primeiro semestre de 2013, segundo datos do Instituto Galego de Estatística. As actividades cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, gravación de son e edición musical e as actividades de creación, artísticas e espectáculos son as que ofrecen mellores resultados en canto á contratación, segundo o Observatorio do Consello da Cultura Galega. En Culturgal conflúen as ideas, iniciativas e proxectos que cada día levan a cabo profesionais e entidades e que posibilitan a forza e proxección da acción cultural en Galicia. En 2012, segundo datos da Xunta de Galicia, o sector moveu un volume de facturación próximo
aos 1.500 millóns de euros.
Culturgal tamén significa público. Ou mellor dito, públicos. Diferentes e esixentes. Que avalan cada ano coa súa participación a razón de ser da Feira.