Que é Culturgal?

A cita anual da cultura galega celebra a súa 16ª edición en 2023, do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Culturgal é a Feira das Culturas Galegas. Un lugar de encontro entre os públicos e artistas, profesionais e institucións. Un espazo para poñer en contacto a creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Os expositores da Culturgal son o corazón e o motor da Feira.

Nesta décimo sexta edición de Culturgal poténciase o seu carácter de escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. Sen esquecer que o gran protagonista é tamén o público que se achega á Feira das Culturas Galegas para coñecer de primeira man as novidades do sector.

Asociación Culturgal

Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrancara de maneira exitosa en 2007. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.